Burela xa ten o selo oficial do Camiño do Mar para as persoas que usen esta ruta recoñecida pola Igrexa

O Camiño do Mar é unha antiga variante xacobea do Camiño do Norte, caída en desuso, e que se está a recuperar seguindo fielmente os documentos da época que a recollen.


O Concello de Burela xa conta co selo oficial do Camiño do Mar, un trazado que pasa pola localidade e recoñecido pola Igrexa Católica. Os peregrinos poderán pedir o selo tanto no Concello como na Oficina de Turismo, que xa estreou este distintivo cunha parella de peregrinos australiana. A luz do faro no selo debuxa unha cuncha de vieira, como os sinais que se atopan nos camiños de Santiago e serven de guía, cun torques que representa o noso pasado castrexo.

Ao carácter oficial e de recoñecemento eclesiástico deste camiño como unha das Rutas Xacobeas a Santiago, “deberá sumarse a oficialización por parte da Xunta de Galicia deste trazado que transcorre por toda a costa da Mariña Lucense e boa parte da Costa Ártabra, pasando en Burela polo Camiño Real a Sargadelos e pola Igrexa da Vila do Medio, un revulsivo económico, cultural e social para a localidade”, afirman desde o Concello.

O Camiño do Mar é unha antiga variante xacobea do Camiño do Norte, caída en desuso, e que se está a recuperar seguindo fielmente os documentos da época que a recollen. Desde Ribadeo, as peregrinas e peregrinos continúan bordeando o Cantábrico e o Atlántico, alcanzando outra ancestral meca de peregrinación, Santo André de Teixido, antes de enlazar co Camiño Inglés a Santiago de Compostela. Deste xeito, ofrecíaselles a oportunidade de peregrinación a dous apóstolos.

O selo oficial do Camiño do Mar supón un paso máis na súa promoción como aliciente turístico, non só para Burela, senón para toda a Mariña, situando esta ruta como unha opción máis, visibilizando o percorrido, as paisaxes, historia, patrimonio, e, en definitiva, “situando o Camiño do Mar como unha opción atractiva para realizar a peregrinaxe a Santiago de Compostela”.

RESPOSTAR

Please enter your comment!
Please enter your name here